Hai dez anos, en marzo de 1998, un grupo de amigos xuntaron as súas inquedanzas nunha bodega de Moreiras . Desta xuntanza naceu LAMATUMBÁ. Pronto comezaron a pasearse polos torreiros de Galicia ofrecendo unha mezcla de ritmos de aquí e de alá que non deixaba que os pés quedaran no sitio. O mesmo caía unha cumbia que un reggae, un ska que un pasodoble, e todo misturado cunha premisa fundamental: a festa, a verbena, e o poder denunciar cousas, pero sen perder o sorriso.
Despois de tres anos de levantar pó polas festas, e xa seguidos por un público cada vez máis numeroso, entran a gravar o seu primeiro traballo “Pachangüílanuí” (Xingreira 2001), e comezan a compartir escenario con xente coma Manu Chao, Mau Mau, Barón Rojo, Hechos contra el Decoro, e incluso aparecen na banda sonora de series da TVG coma Terras de Miranda.
Cunha formación xa estable tras varios cambios, comezan a tocar xa fora de Galicia, incluindo entre outros o concerto de Nunca Máis en Madrid, e unha xira coma teloneiros da banda arxentina Bersuit que os leva polas mellores salas de todo o estado.
Despois de esta experiencia, marchan a os estudios Gárate (Bizkaia) para, xunto con Kaki Arkarazo, gravar “Lume (para que saia o sol)” (Falcatruada 2005), que os consolida coma un dos nomes de referencia no panorama musical galego, e fai que xa non sexa raro ver o seu nome nos festivais máis importantes de Galicia, xunto con nomes da casa (Guezos, Ruxe Ruxe, Galegoz, O Jarbanzo Negro, Cempés, Skárnio…) coma de fora ( Betagarri, Rosendo, Asian Dub Fundation, US3, Rinoçerose..) Tamén son o primeiro grupo galego en gravar un videoclip para a nova andaina do programa de TVG “Xabarín Club”.
Moitos concertos máis tarde, a principios de 2007, hai un novo cambio na formación, e se incorporan Sergio (voz), Rafita (guitarra eléctrica), e Nico (trompeta), que se unen a Txitxas (batería), Puntxa (percusión), Pedro (baixo), Tonhito (guitarra), Iván (saxo), Ángel (saxo e clarinete), e seguen a recorrer todo o estado, con cada vez mellor acollida fora das fronteiras galegas participando en festivais tan importantes coma o Senglarock, e compartindo cartel con bandas coma The Toasters, Fermín Muguruza, Sepultura, Sidonie, etc. Para rematar o ano participan na feira de música máis importante de Europa, o Popkomm, en Berlín. Á volta desta viaxe, e coas pilas máis cargadas ca nunca entran nos estudios Casa de Tolos para, da man de Segundo Grandío, dar forma ao seu último e máis ambicioso proxecto: “Paraguas Universal” (PAI-Música 2008), co que esperan seguir facendo mover os pés e as conciencias a base de rock, ska, funky, merengue, cumbia, e calquera ritmo que consiga encher os espiritus de festa en todos os escenarios aos que os poida levar a súa furgoneta.
(información extraída da web do grupo)
Para acceder ó myspace da banda pinchade aquí
Para acceder á web oficial pinchade aquí
Recordo que tanto no myspace como na web oficial pódense escoitar cancións de Lamatumbá.
Enlaces de cancións (YOUTUBE)
¡Espero que vos guste e que vaiades a velos en concerto porque tamén son impresionantes!
Próximo grupo: Heredeiros da Crus